Sunday 05 de May de 2024

Inés Rey: “O modelo de cidade que presentamos é o dunha Coruña que avanza e que está chamada a ser referencia internacional”


A alcaldesa impartiu unha conferencia-coloquio na UDC, no marco do ciclo de conferencias sobre Economía e Internacionalización da Cátedra Luis Fernández Somoza

A alcaldesa, Inés Rey, impartiu esta mañá unha conferencia-coloquio na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, no marco do ciclo de conferencias sobre Economía e Internacionalización da Cátedra Luis Fernández Somoza, sobre o proxecto de xestión social e económica da Coruña. Rey puxo en valor o traballo realizado dende o Concello para a proxección da Coruña. “O modelo de cidade que presentamos é o dunha Coruña que avanza e que está chamada a ser referencia internacional” sinalou.

A alcaldesa referiuse á cidade como unha das “maiores potencias tractoras” da economía galega e puxo de exemplo a AESIA e a Cidade das TIC como proxectos de longo percorrido para a consolidación do liderado económico da Coruña. Rey tamén lembrou a posta en marcha do Plan Estratéxico da Coruña 2030-2050, no que as infraestruturas e a dinamización económica terán un papel clave. Sobre a posta en marcha do Plan, a rexedora explicou que “permitirá deseñar a cidade que queremos e que A Coruña está chamada a ser, por tradición e tamén por ambición”.

“As grandes transformacións precisan tempo e o meu obxectivo é que baixo o meu mandato A Coruña viva a súa segunda modernización” concluíu.